Iniciosociedade'Erasmus' da Mariña confinadas en Europa: decidir quedar, querer volver e non...

‘Erasmus’ da Mariña confinadas en Europa: decidir quedar, querer volver e non ter opcións

Andrea García, focega que estuda en Chequia, forma parte do milleiro de estudantes que reclama apoio para regresar; a burelá Paula Lestegás preferiu quedarse en Varsovia

Publicada o

- Advertisement -

As restricións da mobilidade en Europa, que cada vez afectan a máis países a causa do espallamento do coronavirus, colleu a Andrea García Mondelo, natural de Foz, e Paula Lestegás, de Burela, no medio de becas Erasmus en Brno (República Checa) e Varsovia (Polonia), respectivamente.

García forma parte dun grupo cercano ao milleiro de estudantes repartidos por Europa que queren volver a España e non contan con medios para facelo, segundo unha enquisa realizada polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (Sepie). Ao longo dos últimos días iniciou unha campaña xunto con outras compañeiras para reclamar “unha solución” á Embaixada española, que as insta “a quedarnos aquí. Aseguran que só volven os turistas, que non teñen onde quedarse, pero nós sabemos que hai outros países onde os estudantes collen voos”, expón.

ALTERNATIVAS “ESCASAS”, CON ESCALAS E RISCO DE CONTAXIO

A estudante focega, que cursa Dereito, sinala que o máximo compromiso arrincado á Embaixada é que “se queremos marcharnos en coches, asinarán os permisos que nos poidesen pedir nas fronteiras”. O propio embaixador español en Praga púxose en contacto con ela, pero alertouna de que “non contemos cunha solución a curto prazo”.

As opcións para volver á casa son “escasas”, salienta. “Unha das alternativas que nos dan é ir á Alemaña e Francia, onde si deixan pasar cidadáns europeos para retornar aos seus países, pero non hai moitas posibilidades de transporte para chegar alá, nin trens nin bus. Alquilar un coche para cambiar de país é complicado”, remarca.

Outra posibilidade é “voar a Londres, con desembarcos, pero temos medo a que se cancele un voo e quedarnos tirados. Ademais, cremos que facer escalas é unha irresponsabilidade, porque sería chegar a España seguramente infectados“, argumenta. “Non pedimos un voo, simplemente poder volver á casa, pagando nós e en autobús se é necesario, pero poder irnos”, reclama.

DÚBIDAS SOBRE O CURSO

Aínda que na República Checa a emerxencia sanitaria non é por agora do mesmo calibre que en España –contabilízanse algo máis de 3.000 positivos-, as medidas son igualmente restritivas, “e están a reunirse para prolongar presumiblemente as medidas de emerxencia ata o 15 de maio. Nós, a esa altura, teremos acabado o curso, polo que algunhas persoas terán finalizado o contrato coa residencia. É complicado”, indica.

A moza mariñá admite que houbo unha posibilidade de marchar antes, cando se suspenderon as clases presenciais na República Checa -incluso cinco días antes ca en España, sen contar con demasiados casos-, pero daquela priorizaron o consello das autoridades educativas. “Avisáronnos de que corriamos o risco de que se nos cancelara o Erasmus e perder o curso enteiro“, expón Andrea, que engade que “posteriormente non foi así, rectificouse e anímasenos a marchar”.

“PEDIMOS ALOMENOS SABER UNHA DATA DE CANDO PODEREMOS VOLVER”

A estudante focega resume as razóns que a levan a querer volver: “a situación na nosa residencia é agobiante. Temos prohibido andar polos corredores ou entrar noutras habitacións, porque un centro coma o noso é de fácil contaxio, e os nosos cuartos son moi pequenos, ademais moitas estamos soas. Sabemos que a xente está confinada en España, pero non é o mesmo isto que a casa”, resume.

García afirma que “o único que pedimos é poder pasar esta situación nas nosas casas” e sostén que “queremos marchar da maneira máis responsable posible, minimizando o risco de contaxio”, para o que piden unha posibilidade para viaxar directamente a España, ou alomenos “unha data de cando poderemos facelo, porque estar aquí sen sabelo é angustioso”.

Rúa de Brno, deserta. AXM

INICIATIVA DO PP NO SENADO

Neste sentido senadora do Partido Popular (PP) Rosa Arza presentou unha iniciativa na Cámara Alta para que o Goberno central explique as medidas tomadas para a repatriación dos estudantes universitarios que se atopan de Erasmus.

“PENSAMOS QUE O MÁIS CORRECTO ERA QUEDAR”

Pola súa banda, Lestegás, que estuda Enxeñería de Deseño Industrial, explica que Polonia é un dos países que mencionaba García, dado que neste caso “si se poñen algúns voos charter con escalas, unicamente Madrid, Málaga e Barcelona; pero sería moi complicado chegar a Galicia, cun risco de contaxio alto, e polo tanto falándoo con meus pais considerei que a opción máis viable e correcta era quedar aquí”.

“Desde a Embaixada dixéronnos que non é boa idea viaxar e pedíronnos que acatasemos as medidas”, sostén a moza burelá, que continúa as clases online desde o pasado 14 de marzo; o curso remataría, segundo as previsións, “a finais de xuño”.

A situación que resume García é similar á de Lestegás. “Cando nos contaban como estaba a cousa en España parecía incrible, e comezamos a ter dúbidas de como sería o noso curso, se poderiamos volver retomalo unha vez marchasemos a España. Ao principio non se sabía o que ía pasar e non foi ata despois dun tempo que a nosa Universidade nos deu a opción de cancelar o Erasmus”, relata.

“OS ESPAÑOIS SEGUIAMOS O CONFINAMENTO INCLUSO CANDO SE PODÍA SAÍR”

Aínda que en Polonia o impacto do coronavirus é tamén menor polo de agora -arredor de 2.000 positivos-, tamén se decretou o confinamento e as actividades permitidas son cada vez menos. “Aquí si permitían dar un paseo no parque ou saír correr, pero as medidas novas son máis restritivas. Pero eu vivo nunha residencia con 20 persoas, a maioría españois, e bromeamos con que levamos seguindo o confinamento desde que nos enteramos como está a cousa en España. E é certo, porque tiñamos interiorizado o que nos contaban e estaban a facer as nosas familias”, manifesta.

No seu caso non se arrepinte de quedar, aínda que bota de menos o café coas amigas -estes días tómano xuntas, pero por videochamada- e tamén os aplausos nos balcóns e ventás de España, porque “aquí iso non se leva” e “algo de alegría ten que haber incluso nestes momentos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...